Friday 03 de May de 2024

O Concello colabora na homenaxe anual á figura de Manuel María


 

O acto, que porá en valor a figura do poeta, terá lugar o vindeiro mércores 25, ás 20.30 horas, no Teatro Rosalía de Castro

O Teatro Rosalía acollerá a homenaxe anual que se lle dá na Coruña ao poeta Manuel María, que pasou os últimos anos da súa vida na cidade, onde finou, logo de promover unha intensa actividade cultural. A Casa-Museo Manuel María organiza a 11.ª edición de “Lúas de Outono”, un espectáculo guiado por Xurxo Souto no que se conxugan poesía e música.

Na presentación de “Lúas de Outono” este venres no Pazo de María Pita, o concelleiro de Culturas, Jesús Celemín, destacou “a emblemática figura de Manuel María, poeta, intelectual e home comprometido que promoveu unha intensa actividade cultural”. Ao acto acudiron representantes da Fundación Manuel María, que organiza este espectáculo anual. En concreto, a súa presidenta, a viúva do poeta, Saleta Goi, e o secretario, Alberte Ansede, quen lle agradeceu ao concello que volvese a abrir “as portas do seu teatro favorito, o Teatro Rosalía, para difundir non só a súa obra, senón especialmente os valores que defendía e practicaba”.

A música é a gran protagonista desta edición, a través da cal se reivindica a segunda faceta do autor, a do activismo como promotor musical. Coincidindo co 50 aniversario do movemento da Nova Canción Galega, que tivo a súa orixe no concerto histórico do Teatro Capitol de Santiago de Compostela presentado por Manuel María, desenvolverase un acto de recoñecemento aos cantores e cantoras galegas, parte fundamental da cultura de noso. A figura do segundo escritor máis musicado da literatura galega será homenaxeada por tres voces que son mostra de xeracións e estilos diferentes: Miro Casabella, membro de “Voces Ceibes” e o único artista dese concerto histórico que segue en activo; Uxía, acompañada por Santi Cribeiro e Sérgio Tannus e a voz de Xoán Padín, que xunto a Alberte Núñez, Alberto Maceiras e Gumer Freire, conforman Molime.

A entrada é libre, até completar a capacidade, mais será necesario recoller os convites no despacho de billetes do Teatro Rosalía de Castro o día da estrea, entre as 16.00 e as 20.00 horas.